17:28
0


No traballo diario como orientadora éntranche pola porta todos os días persoas, homes e mulleres, novos e non tan novos, sen estudos ou con máster, posgrao e todo o imaxinable. Moitos veñen desesperados despois de meses e meses, algúns anos e anos, mandando CV sen resposta, mirando a prensa e os boletíns de ofertas todos os días, inscritos en canta ETT hai, petando en canta porta se lles pon por diante. Entran xa mirándote con cara de "que me vas contar que eu non saiba" ou "vir aquí só me fai gastar cartos" e hai moitos días en que ti mesma sentes iso mesmo (será iso o que chaman empatía?) porque tes o día máis gris, ou máis negro, e non tes ánimo para darllo a eles. Sen embargo, a maior parte dos días, a maior parte da xente, si vén con ganas, con ganas de ver qué lles podes contar que lles poida axudar, de ver se entre todos os recursos que ti lles das hai algo que aínda non probaran. Si veñen con ese xeito de ser que temos nesta terra, con ese espíritu de asumir o momento que toca vivir pero sempre con esperanza de que todo vai ir para mellor (en parte porque para peor xa non hai moito onde ir), con ese espíritu Gadis de que NUNCA CHOVEU QUE NON ESCAMPARA, e se chove... que chova!

0 comentarios:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios