00:40
0



Orientación laboral. Formación. Emprego. Competencias. Profesionalidade. Políticas activas de emprego. Políticas pasivas de emprego. Mercado de traballo. Europa! Garantía xuvenil!! Autoemprego!!!


Que cantidade de palabras tan ben soantes e como enchen a boca!


No mundo do emprego e a orientación laboral pasa exactamente o mesmo que pasa noutros mundos coma o do voluntariado ou a mocidade. Todos, nos conceptos e plantexamentos teóricos, soan marabillosos, cunha redacción coidada e que convence, só hai que pensar en conceptos como solidariedade, emancipación, conciliación, igualdade… Todo soa moi ben e son un pouco coma os contos de fadas, ese final feliz ao que todos queremos chegar: todos queremos ser solidarios, todos queremos con 18-20 anos ter o noso piso, o noso traballo e a nosa vida independente, todos queremos poder conciliar sen problemas a nosa vida laboral coa familiar e poder ter un traballo digno e ao mesmo tempo disfrutar da familia (sobre todo as mulleres), todos queremos ter os mesmos dereitos, opcións e condicións que os que temos ao lado (cargos, responsabilidades e salarios pensando no mundo laboral e de novo nas mulleres)… Pero o certo é que todo é coma un conto de fadas…



QUERO E NON PODO

“Había unha vez un goberno que, con toda a sua boa intención, nono imos dubidar, e tendo en conta as súas obrigas cara os cidadáns que os elexiron como representantes, e dado que a situación económica e social do país non estaba a pasar o seu mellor momento, asumiu a ardua tarefa de, en colaboración e de mutuo acordo cos gobernos das comunidades autónomas, analisar en profundidade a situación do mundo laboral e a raíz desa análise marcar uns obxectivos e uns medios para fomentar o emprego da poboación activa e aumentar a participación dos homes e mulleres no mercado de traballo, mellorando a produtividade e a calidade no emprego nun mercado de traballo sustentable, baseado na igualdade de oportunidades, a cohesión social e territorial.  


Esta tarefa, despois de moitas xuntanzas, de moito reflexionar, de moito discutir e pouco durmir, decidiron deixala en mans do máis valerosa dama do reino, a Estratexia Española para o Emprego 2012-2014.



Pero nese mesmo momento, a maior enemiga do reino, que xa estaba actuando de xeito solapado na economía e na sociedade, difundindo o paro, o medo ao futuro, a desesperación, o andar sen rumbo, decidiu aparecer en todo o seu explendor para enfrentarse á  nosa heroína. E así a Crise Mundial caiu sobre o país con toda o seu exército de eres, case rescates, recortes, privatización do público e, sobre todo, máis paro e desesperación.



Ante este ataque tan contundente, a Estratexia tan só puido recuar e perder folgos tendo que renunciar en grande medida á recuperación do mercado laboral (máis e máis desempregados), á calidade do emprego (minijobs, contratos de 10 horas por 500 euros), ao mercado de traballo sostible, á igualdade de oportunidades, á cohesión social e territorial…



Ferida pero non derrotada, agarda a que os territorios conquistados collan forza para poder loitar contra o enemigo, apoiado polo héroe/heroína que veña detrás dela no 2015.”






A DEMANDIÑA FEA





“Hai moito tempo, cando os paxaron nadaban e os peixes voaban, había unha demanda que vivía no Mercado de traballo de arriba pero ela notábase que era diferente, non encaixaba, todos a miraban raro cando saía á rúa e estaba moi moi triste. 


Un día, cansa xa de que todos se meteran con ela e se riran dela porque era diferente, colleu as súas cousas, meteunas nun cache de sábana, atoulle un pau e, co petate ao lombo, colleu camiño e marchou coma Bilbo Bolsón sen mirar para atrás.


Andivo e andivo e andivo e un día, cansa de tanto camiñar sen atopar a ninguén, sentou á beira dun camiño e quedou a durmir. Ao cabo dun tempo, non se sabe canto porque estivo a durmir e non mirou o reloxio antes de se sentar, espertou cun barullo de xente que viña rindo polo camiño. E cal non sería a súa sorpresa cando, ao facer a curva, veu aparecer a un grupo dunhas vinte demandas que eran coma ela! Nono podía crer!


Ao achegarse, saudárona de xeito moi amistoso e preguntáronlle quen era, e cando ela lles contestou que unha demanda coma elas, mirárona sorprendidas e empezaron a rir. Unha demanda! Coma elas! Pero se nós somos ofertas que vivimos no Mercado de traballo de abaixo!


E así foi como a demanda se deu conta de realmente ela non era unha demanda, senón unha oferta,  e non é que fora diferente, era só que vivía no Mercado de traballo equivocado, ela era a que buscaba traballo, a que se ofertaba, non estaba a buscar traballadores. Realmente non era unha demanda.”




COMPETENCIA


“Hai moito tempo, nos tempos de Maricastaña, había catro irmáns que se chamaban Saber, Saber facer, Saber ser e Saber estar. Vivían nunha aldea ao pé do monte Fuji, nunha pequena casa moi vella e destartalada desde onde vían saír o sol todas as mañás.


Un día o gobernante da súa zona decidiu facer un concurso cun grande premio en metálico, dous millóns de yens nin máis nin menos, para o que conseguira facer co tronco dunha árbore o xoguete máis inxenioso para o seu fillo pequeno.


Os catro irmáns, cando oíron isto, puxéronse moi contentos pois viron que tiñan a posibilidade, se gañaban, de poder arranxar a casa e poñerlle o chan radiante para o frío do inverno e o aire acondicionado para o verán.

Despois de moito discutir, acordaron mandar a Saber ao concurso, pois era o único de todos que fora á escola superior e era moi listiño. E alá foi Saber. Era moi tímido e cando chegou á praza da aldea  nin sequera se atreveu a erguer a vista do chan para saludar ao gobernador, cousa que a este non lle pareceu moi ben. Tan pronto veu o tronco paxáronselle pola cabeza catro mil ideas de xoguetes para poder facer e rapidamente se puxo a facer os planos. Pero cando colleu a serra para cortar o tronco, non foi capaz nin de cortar unha rama, co que, moi triste, tivo que volver para a casa.


A continuación acordaron mandar a Saber facer, pois era o máis habilidoso de todos, manexaba calquera ferramenta sen ningún problema e facía auténticas marabillas, tan só lle tiñas que dicir o que tiña que facer e ao momento xa el cho tiña na man. Pero… ao ver o tronco quedou coa mente en branco sen saber que facer, co que, moi triste, tivo que volver para a casa.


Despois probaron sorte Saber ser e Saber estar, pero aínda que tan pronto chegaron á praza xa se puxeron de cháchara con todos os veciños e co gobernante e acabaron tomando un sake todos xuntos, o certo é que nin tan sequera se lembraron do tronco nin do que ían facer alí, co que, moi tristes, tiveron que volver para a casa.


Estaban laiándose da súa mala sorte, cando pasou por alí a súa veciña. Ao velos tran tistes preguntoulles o que pasaba e cando llo contaron quedou pensando un momento, marchou á casa, e volveu ao cabo de cinco minutos cunha túnica enorme. Puxo a Saber e a Saber ser cada un nunha perna, a Saber facer púxoo sentado nos ombros destes dous e a Saber estar no alto de todo e mandounos á praza.


Cando chegaron á praza todos quedaron pasmados. O gobernante preguntoulles quen era que non era veciño da aldea e Saber estar, que estaba no alto de todo, díxolle que se chamaba Competencia e que ía facer o xoguete máis inxenioso para o seu fillo pequeno. Saber facer púxose ao momento a construír, seguindo as ordes de Saber, un xoguete marabilloso, mentras Saber estar, seguindo as indicacións de Saber ser, non paraba de facer comentarios e relacionarse co gobernante e os veciños.


E así, entre os catro, conseguiron facer o mellor xoguete e gañar os dous millóns de yens, arranxaron a casa, puxeron o chan radiante e o aire acondicionado, e seguen a vivir alí todos xuntos vendo saír o sol cada mañá.”




ALEMAÑA


“Antonte veume a orientación laboral unha rapaza de Val do Dubra de 37 anos que estudou in ciclo de cociña en Lamas de Abade e traballou toda a vida na hostalería. Despois de moitos anos traballando en Galicia como camareira, axudante de cociña e cociñeira, hai ano e medio no restaurante onde traballaba déronlle a patada e botárona á rúa. Foi ao paro pero como non aguantaba sen traballar e aquí non atopaba nada decidiu marchar a Alemaña, sen ter nin idea de alemán e sen pasar pola oficina Eures, en Coruña, non vaia ser que non poida estar máis lonxe. Así que chegou alá sen idea de alemán, alugou unha habitación cutre e púxose a buscar traballo. Ao cabo dunha semana xa atopou traballo nun restaurante como cociñeira e ao cabo duns meses xa era xefa de cociña, cun salario duns 2000 euros. Xenial! Xa podía deixar a habitación cutre e buscar algo mellor, así que cambiou de habitación e alugou unha nun piso compartido, unha habitación cunha mesita e un colchón no chan polo módico prezo de 500 euros ao mes. Nada que ver coa cutre de antes!

Todo ía moi ben, ata que, como a economía non vai moi ben, no restaurante lle baixaron o soldo a 1400 euros ao mes (a xefa de cociña, o que cobrarían os axudantes!), co que non lle quedou outro remedio que buscar outro traballo para poder completar o salario e poder cubrir gastos. Así que cando saía de traballar as súas 8/10 horas no restaurante, ía traballar outras tres ou catro a outro alí cerquiña, aínda que este último, como o soldo era de menos de 420 euros, non lle daba dereito ao seguro médico. Menos mal que tiña o outro, porque non se lle ocurreu outra cousa mellor que quedar embarazada!

Desde hai dous meses vive en España, despedida e sen atopar traballo por estar embarazada. Pero iso si, agora polo menos durme nunha cama decente! VENTE P’ALEMANIA, PEPE!”



PLAN DE EMPRESA





“- É que ao final, como xa vexo que non atopo traballo, estiven pensando en darme de alta como autónomo. O que pasa é que non teño nin idea de cómo facer o plan de empresa ese que me piden en todas partes.

-          Non te preocupes, no despacho do lado está o AEDL.

-          É que collín por aí un modelo e hai partes que podo facer pero… seica hai que ter unha misión, un fin e non sei cantas cousas máis.

-          Non te preocupes, xa o AEDL…

-          Pero é que ademais teño que controlar a normativa e non sei nin onde podo mirar

-          O AEDL…

-          E por riba teño que facer non sei qué da mercadotecnia, que non sei nin o que é iso, e un plan financeiro… Eu que sei o que vai pasar dentro de tres anos! Eu quero montar a miña empresa e nada máis!

-          Pero non te agobies, é máis fácil do que parece, ademais xa che vai axudar o AEDL, que é parte do seu traballo.

-          Pero…

-          O AEDL, e se non, o IGAPE. Eu é non dou para todo!”


E colorín colorou, este conto rematou! Estas son algunhas das cousas nas que me fixo reflexionar este módulo. Axudoume a lembrar cousas que xa sabía, outras que nin sabía que sabía, con outras deume a volta á cabeza pensando que sabía e resulta que era ao revés, con outras fíxome seguir sabendo o que sabía e tendo a mesma (moita, pouca ou nada de) fé, e outras prefiro non sabelas. Se o AEDL da mesa do lado traballa menos ca min e cobra máis!

0 comentarios:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios