Reflexión de Lola Bastos

 MÓDULO 3: O MARCO INSTRUMENTAL


Neste último bloque atopamos os seguintes temas:

TEMA 11: O traballo do orientador laboral I. Intermediación Laboral.
TEMA 12: O traballo do orientador laboral II. Itinerarios de inserción.
TEMA 13: O traballo do orientador laboral III. Procesos individuais de orientación e axuda na toma de decisións.
TEMA 14: O traballo do orientador laboral IV. Analise de perfís profesionais e prospección de emprego.
TEMA 15: O traballo do orientador laboral V. Técnicas e ferramentas para o acceso ao emprego e o autoemprego.
TEMA 16: O traballo do orientador laboral VI. Elaborar o plan de empresa.






Segundo a estrutura deste Módulo, o cerne da materia está centrado no traballo do orientador laboral, que abrangue moitas máis accións das que eu coñecía. Partía dunha idea sinxela e superficial do traballo da persoa orientadora, posto que a pesar de traballar nunha oficina de emprego, non chegaba a imaxinar a complexidade e extensión das actividades que poden desenvolverse nesta profesión. 


Cando traballas na área de demandas da oficina podes detectar a necesidade dun proceso de orientación laboral  na inscrición da persoa como demandante de emprego e, sobre todo, cando clasificas a súa demanda. Facendo unha síntese moi rápida, atopamos necesidades en casos de:
  • Xente nova, sen formación específica, ou aínda tendoa, con dificultades de acceso a un emprego;
  • Outro colectivo con necesidades de orientación son aquelas persoas que, levando moitos anos nunha empresa, e como froito da crise económica actual, e xa rondando a coarentena ou máis, quedan sen emprego: son xente cunha experiencia laboral importante, pero ás veces en campos de pouca ocupabilidade (construción, banca, sector naval, comercio, hostelería, etc.) e sen unha formación reglada acorde coa súa profesión (é típico o comentario: "con 18 anos, púxenme a traballar")
  • O colectivo das persoas con discapacidades, que normalmente son tutorizadas ou redireccionadas a unha asociación tipo COGAMI, FEAFES, ONCE, etc.
  • O grupo calificadas como de risco de exclusión social, a maioría por ser perceptores de Risga, que teñen obriga de estar anotados como demandantes de emprego.
  • As persoas vítimas de violencia de xénero (estas últimas cun tratamento especial de confidencialidade nos seus datos).
  •  Para min, persoalmente, aqueles que cando lle pides que mencione as ocupaciones solicitadas para intermediar, responden "de calquera cousa", e moitas veces sen ter ningunha cualificación profesional.
Esta variabilidade de casuísticas son un gran desafío para a tarefa de Orientación Laboral (O.L.). Na oficina solicitamos a documentación que acredite a formación, (títulos de ensinanza reglada, certificados de profesionalidade, carnéts profesionais, etc.), e a experiencia profesional (vida laboral, certificados de empresa, etc.). Con estes datos procedemos a clasificación  da demanda, paso clave para determinar os parámetros que manexará a persoa encargada da O.L.: a ocupabilidade, a empregabilidade, e a dispoñibilidade.


Paréceme necesario comentar ao respecto destes parámetros ou indicadores, dada a súa importancia, que na práctica diaria son imprecisos e ás veces inadecuados. ¿Por qué? Pois non é posible que unha persoa por non ter formación, aínda que teña 20 anos de experiencia profesional, teña unha empregabilidade "NORMAL"; frente a unha persoa cun curso ou título, que traballou  24 meses nos últimos 5 anos, que ten unha empregabilidade "MOI ALTA"...Ou a dispoñibilidade que se move nunhas definicións tan indefinidas como a "NORMAL", que: "non pon máis dificultades que as habituais para estar disponible (+-)"


Aínda que, como vemos no desenvolvemento dos temas,  a persoa de O.L. matiza e afonda nestes indicadores, creo que sería de interese un estudo pormenorizado da casuística para poder aplicalos dun xeito máis exhaustivo. Porque, de feito, a clasificación da demanda estase a convertir nunha mera acreditación documental da formación e da experiencia laboral; que non está nada mal, porque estamos actualizando unha gran base de datos de currículos de traballadores de gran interese para quen se preocupe de utilizala ou promocionala, pero que podería ter un maior aproveitamento e rendemento no proceso de orientación laboral.


Neste bloque, puidemos asomarnos os modelos de orientación laboral, (didáctico, de asesoramento e centrado nos recursos). A integración e a alternancia destes modelos parece necesaria para adaptarse as realidades cambiantes dos seus usuarios e aos obxectivos comúns do proceso orientador, así como non perder de vista os principios nos que debe basarse a O.L.: Individualización, Flexibilidade e desenvolvemento da Autonomía.


Pareceume moi interesante á atención á diversidade, tendo en conta a aqueles colectivos en situación de dificultade social; coñecer os factores que atrancan o seu acceso ao mercado de traballo é clave para mellorar a súa empregabilidade, e parece o camiño necesario para que poidan alcanzar a plena integración social, traspasando os ámbitos de exclusión ou precariadade. Para isto é fundamental un bo diagnóstico inicial para orientar a intervención en función das necesidades reais.

Este bloque tamén achegounos aos itinerarios de inserción personalizado (I.P.I): un dos traballos máis complexos e completos que pode desenvolver a persoa orientadora. As cacterísticas destes itinerarios son:
  1. Un diagnóstico personalizado
  2. Unha intervención orientadora con actividades individuais e grupais
  3. Unha supervisión ou avaliación continua


Fonte: Fundación Tomillo

As fases de desenvolvemento as vemos neste gráfico.



Outro asunto que me interesou moito  no proceso do IPI, ou tamén na O.L., é  o coñecemento das técnicas axeitadas para realizar con éxito as entrevistas de orientación laboral, así como as de selección de persoal. É necesario dotar os usuarios dos coñecementos necesarios para mellorar as súas posibilidades de afrontar as entrevistas persoais que, en moitas ocasións, poden ser a porta de acceso a un posto de traballo.  

Outras técnicas e ferramentas de emprego que puidemos analizar son: 
  • os currículos, resultándome moi atractivo o currículo por competencias. Houbo discusión acerca do necesario que esta erramenta sexa novedosa ou innovadora, pero o que quedou claro é que hai que adaptar o currículo a cada unha das ofertas,
  • as cartas de presentación, que non debe ser unha repetición do currículo, e das que coñecemos varias tipoloxías,
  • ou fórmulas máis innovadoras como o vídeocurriculum, o currículo creativo, o uso de ferramentas con soporte 2.0

 Non menos interesante pareceume a realización de análises de postos de traballo de forma efectiva para transmitirllo aos usuarios, así como coñecer algúns dos novos perfís profesionais que xorden nos últimos días no noso ámbito máis inmediato.  Este tipo de información coido que vai ser moi útil no meu traballo cotiá, e tamén coñecer os recursos máis relevantes en Galicia para o acceso ao autoemprego.


A prospección empresarial parece unha tarefa inexcusable no traballo da intermediación laboral, sobre todo con colectivos de exclusión social. Coñecer as características de cada unha das súas fases e identificar as máis importantes fontes de información do ámbito galego forma parte da preparación do orientador laboral. O problema fundamental é que actualmente as axendas dos orientadores están tan sobrecargadas que parece imposible que poidan ter dispoñibilidade horaria para poñeren en práctica a prospección de empresas, polo que aparece reducida o ámbito de programas de emprego dos concellos. 

O plan de empresa foi o último tema deste extenso bloque. É un documento onde a persoa emprendedora consegue darlle forma á idea ou concepto inicial para iniciar a súa propia empresa. Pareceume moi díficil poder ofrecer este servizo dende a O.L., pero de moito interese facer reflexionar a persoa que quere emprender; o documento resultante axudaralle a definir obxectivos e estratexias para acadar o éxito, e resultará unha excelente presentación para recabar finanzamento. 

0 comentarios:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios