19:44
0



“O coñecemento é poder… a información faite libre”. Kofi Annan

Con esta premisa por diante está claro que para ter información (o do coñecemento eu penso que xa é outra cousa e que ter unha cousa non implica ter a outra) os vinte tomos da enciclopedia Larousse que temos na casa, mercada con tanto esforzo e a tan bo prezo, hoxe por hoxe para pouco máis vale que para ocupar espazo na estantería, ou adornar a biblioteca-salón, ou panexala de vez en cando cun suspiro lembrando aqueles tempos en que aínda se usaban os libros para estudar e consultar cousas e facer traballos para a escola, que tempos! Aquelo si que era copiar! Pero sen pegar! Todo a man e sen máis corrector ortográfico que nós mesmas! Vouno deixar que me poño melancólica!



Hoxe en día se tes que buscar información de calquera cousa a primeira opción é a rede, incluso ás veces se nunha conversa de cafetería xurde unha dúbida ou disparidade de opinións, non é infrecuente que ao momento alguén colla xa o teléfono e en dous minutos teña o “problema resolto”. Así é a información a día de hoxe! Abundante, dispoñible, inmediata. 



Pero, realmente fai falta toda esta información? O que antes levaba dez minutos (coller o tomo adecuado da Larousse, buscar o termo que se necesitaba e copialo) agora leva horas: abrir internet, poñer o termo a buscar en google e consultar que se a Wikipedia, que se a Galipedia, que se o diccionario da RAE, que se o artigo este que saíu en tal xornal, que se o estudo este sobre o tema, que a ver que opina Risto da historia… Vamos, que se te pos tes para todo o día!



E co mundo do emprego máis do mesmo! Antes todo o mundo sabía que para atopar traballo tiña que tirar de todos os amigos e coñecidos (o mesmiño que agora) ou se non mirar todos os días o xornal e alí xa aparecían todas as ofertas (desgraciadamente ninguén ía á oficina de emprego a buscar traballo, o mesmiño que agora). Pero agora… Ai agora! Que se este boletín, que se o outro, que se esta web, que se esta outra, que me dixeron que nesta páxina do facebook hai moitas ofertas, que no linkedin fixo que atopas, que agarda que me acaba de chegar un correo do infojobs…



E isto se buscas emprego, porque como queiras ser emprendedora Dios te colla confesada! Pos “emprendedores” no google e o ordenador xa empeza a botar fume!



O mellor deste curso? Poñerlle nome a este síndrome, poñerlle nome á INFOXICACIÓN. O principio da solución dun problema é darte conta de que o tes e poñerlle nome para dese xeito empezar a analizalo e empezar a buscar solucións. O meu eterno agradecemento a todas esas persoas humanas que foron capaces de ver o problema, afrontalo (porque ver seguro que moitos máis o vían), analizalo en profundidade e poñerse a programar aplicacións para poder solucionalo. 


O meu eterno agradecemento aos creadores do RSS, do Feedly, do Scoop.it e de todas as outras ferramentas similares que circulan polo mercado.




No que concerne ás dúas que nos ocupan, hei de decir que a día de hoxe, aínda gustándome as dúas, prefiro o Feedly. As dúas me parecen do máis útil que aprendín nestes dous últimos meses e o día que abrín o feedly quedei petrificada mirando a páxina e abréuseme de repente todo un mundo de posibilidades! Poder acceder incluso a blogues persoais de xente que traballa no mesmo! Ver que non estás soa neste mundo da orientación! Poder compartir xa directamente as novas no facebook ou twitter simplemente pulsando unha tecla! Impresionante! Que hai que pasar o traballo de seleccionar? Xa pero diso se trata, de entre todas as novas ter que seleccionar tan só aquelas que ao teu criterio lle dan un valor engadido ao teu traballo. Ti es a que sabe onde traballas, con que xente traballas e que cousa poden ser interesantes.




E aquí remata a miña reflexión sobre a curación dos contidos, tan só dúas pequenas apreciacións que me viñeron á cabeza estes días pensando no tema:



Curar, do verbo latino curare. Non resulta curioso que a mesma palabra, curare, se utilice tamén para un dos velenos máis mortíferos? Vida e morte todo na mesma palabra.



“O coñecemento é poder… a información faite libre”… pero que feliz, á par que atrevida, é a ignorancia! E canto tempo che deixa para ser libre de facer outras cousas!


0 comentarios:

Publicar un comentario

Deixa aquí os teus comentarios